Saturday 11 de May de 2024

O Concello completa hoxe a instalación de dúas novas bases de BiciCoruña, no Barrio das Flores e nas inmediacións do CHUAC


As novas estacións están localizadas na praza dos Freixos e no treito final da avenida da Lamadosa. Tras finalizar este xoves os traballos de instalación en rúa, está previsto activalas nun prazo de dúas semanas

O Goberno de Inés Rey ultima xa a primeira fase de expansión aos barrios de BiciCoruña: das 55 estacións previstas, xa hai 49 instaladas e 47 están activas e á disposición da cidadanía

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, completa este xoves os traballos de instalación de dúas novas bases do servizo municipal de BiciCoruña, situadas na praza dos Freixos (Barrio das Flores) e no treito da avenida da Lamadosa máis próximo ao CHUAC.

No caso da nova estación da praza dos Freixos, trátase da primeira estación de BiciCoruña que toma forma no Barrio das Flores. Está localizada no illote central de estacionamento próximo ao cruzamento coa rolda Camilo José Cela, moi preto do CEIP María Pita e o Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario. Dispón de 23 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos.

A colocación da base non supón, en ningún caso, a perda de ocos para estacionar vehículos, xa que o espazo onde se instalou a base —onde anteriormente podían aparcar catro automóbiles en liña— recupérase nun lateral da praza, con outras catro novas prazas en espiga. Ademais, e aproveitando esta intervención, tamén está previsto que o servizo municipal de Infraestruturas delimite na praza dos Freixos un espazo reservado exclusivamente para o estacionamento de motocicletas.

Por outra banda, e xa ao mediodía, comezaron os traballos para instalar a nova base de BiciCoruña no treito da avenida da Lamadosa máis próximo ao CHUAC, nas proximidades do cruzamento coa rúa Lugar de Curramontes. Dispón de 19 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos.

Neste sentido, o Executivo que dirixe Inés Rey tamén baralla, nun futuro, trasladar esta estación a unha localización máis integrada no propio centro hospitalario coruñés, ao abeiro das obras do Novo CHUAC e co obxectivo de facilitar os desprazamentos das persoas usuarias á contorna do hospital.

Recta final da primeira fase de expansión de BiciCoruña a todos os barrios

O Goberno de Inés Rey encara xa a recta final da primeira fase de expansión aos barrios do servizo municipal de BiciCoruña, que contempla a posta en marcha de 55 estacións. Destas 55, hai 49 xa instaladas —as do Barrio das Flores e a contorna do CHUAC, inclusive— e 47 activas para o uso e disfrute das persoas usuarias, máis do doble das existentes no 2019.

Neste sentido, o proceso para que as bases entren en funcionamento implica a súa activación posterior, cuestión que habitualmente se resolve nun prazo de dúas ou tres semanas dependendo dos casos, ao implicar trámites como a correspondente revisión da instalación eléctrica unha vez está conectada á base —co obxectivo de evitar posibles sobrecargas—, a instalación do software asociado ao servizo e tamén a autorización final de Industria.

A segunda fase de expansión, ata as 90 estacións

A alcaldesa, Inés Rey, lembrou hoxe que a seguinte meta é ampliar esta rede de estacións ata un total de 90 en todos os barrios da Coruña, grazas aos fondos Next Generation acadados polo Concello en abril deste ano, que tamén posibilitarán a adquisición de máis bicicletas eléctricas cun novo contrato de subministración.